Etapa 3 (opción A)

Camino de Fisterra-Muxía 0€ 2813 hits

Descripción

De Olveiroa saímos a rente dun lavadoiro. Logo toca subi-lo monte do Sino por unha pista forestal nova, obtendo boas vistas do encaixado río Xallas, que conserva un bonito bosque de ribeira e no que se suceden varios saltos hidroeléctricos. Completan a producción eléctrica da zona a serie de viraventos colocados no cumio das montañas.

Tras salva-la derrubada ponte de Logoso e subir ata a aldea do mesmo nome, tomamos como referencia a enferruxada fábrica de carburos de Ferroatlántica, que sempre bota fume pola súa cheminea. Á dereita queda a aldea de Hospital, que conserva o topónimo en alusión ó albergue co que contou desde o medievo (bares). Nunha rotonda é posible optar por seguir a Fisterra ou toma-lo camiño de Muxía.

O camiño real segue cara Fisterra polos ventosos e desaboridos montes de Buxantes, e conserva o seu aspecto antigo xusto desde a entrada da fábrica, onde é preciso desviarse á dereita e abandona-la estrada que baixa a Cée, ata a ría de Corcubión. A través destas soedades, última proba antes de ve-lo mar, pasamos xunto ó cruceiro do Marco do Couto, acompañado dunha pedra xurisdiccional, e pola ermida de Nosa Señora das Neves (cruceiro, fonte santa e boa sombra para o descanso). Xa co cabo Fisterra ó fondo (entramos na comarca de Fisterra), outra ermida solitaria ofrécenos un área de descanso con fonte, a de San Pedro Mártir.

Olveiroa-Fisterra
O descenso polo monte da Armada ata a ría resulta espectacular, con sucesivas panorámicas do cabo Fisterra, o Cabo Cée, o mítico monte do Pindo e mailas vilas de Cée, na que entramos desde Camiños Cháns (cruceiro, bar) e Corcubión. En Cée (tódolo servicios, incluido un albergue de peregrinos na sé de Neria), convén achegarse ata a igrexa parroquial (s. XV e XIX) e mesmo coñece-lo edificio da Fundación Fernando Blanco (fin s. XIX) e mailo museo que acolle os fondos desta institución (na alameda).

Logo, bordeando o fondo da ría polo recheo, é posible entrar a Corcubión pola parte alta (camiño antigo) ou pola beiramar. Nesta vila (tódolos servicios), declarada conxunto histórico artístico, cómpre visita-
la delicada imaxe italiana de S. Marcos da Cadeira (fin do séc. XV), titular da parroquial gótica. Desde o campo infantil, unha senda sobe ata aldea do Vilar (fonte) e volve a descender ata Estorde, sita nunha enseada con boa praia (cámping, bar, restaurante).

A menos dun quilómetro entramos na localidade de Sardiñeiro (bares, tendas, restaurantes, fonte), tamén con praia e paseo marítimo. Nela deixámo-lo asfalto para retoma-lo camiño real entre piñeiros e eucaliptos. Este regresa por fin á estrada, preto dun miradoiro sobre o cabo, reborda a cala de Talón e achégase a Fisterra, desde Calcoba (bares, restaurantes) a través do longo paseo marítimo enlousado da praia de Lagosteira, que remata na cruz de S. Roque ou de Baixar (séc. XVI). Xa na vila (tódolos servicios), pasamos diante do Concello e baixamos ó porto, onde atopámo-lo albergue de peregrinos. No albergue faise entrega, ós que levan a credencial debidamente selada, da Fisterrá, documento acreditativo de ter chegado á fin da terra en peregrinación.

Breve resumen

  • Localización: OLVEIROA-FISTERRA
  • 0€
  • Tipo: Etapas
  • Ruta: Camino de Fisterra-Muxía
  • kilómetros: 30 Km