Etapa 1

Camino Primitivo 0€ 3011 hits

Descripción

Este camiño, no tramo galego, comeza no Alto do Acebo e arranca cara a Fonfría mesmo detrás dun solitario bar. Durante un par de quilómetros poderemos camiñar polo medio das vacas e por un camiño de terra ata que chegamos á estrada que vai a A Fonsagrada. Deixamos atrás A Cabreira para chegar a Fonfría, onde hai unha fonte. A douscentos metros o camiño métese á esquerda e volve á estrada en Barbeitos e segue ata Silvela, onde atopamos unha moderna capela coa simboloxía xacobea e unha área recreativa. A uns 500 m. collemos outra vez a estrada para chegar a Paradanova.

Chegando a Paradanova o camiño bifurcase. Nas últimas casas, e á esquerda da estrada, arranca cara á Fonsagrada, onde entra por diante da «Escola Taller Camiño Primitivo»; é esta unha variante máis moderna. A outra alternativa lévanos a Pobra de Burón, é o ramal máis histórico. Saíndo de Paradanova teremos que coller unha ampla pista que sae da estrada principal á dereita e sube ata onde atoparemos un serradoiro de madeira á dereita. Aquí a pista empata noutra, pero nós teremos que seguir de frente por unha vella corredoira entre prados e deixando atrás a pista que vai á Fonsagrada. Neste inicio podemos atopar algún arame que atravesa o camiño. Non lle facemos caso, pois só marcan o paso para que as vacas pasen dun prado ao outro e non collan polo camiño.

Cando a corredoira emboca nunha pista o camiño segue de fronte, mais cando nós o fixemos estaba totalmente cuberto de silvas e era imposible continuar. Optamos por seguir pola pista tendo en conta que o camiño queda a nosa dereita. Se seguimos a pista e viramos cara a dereita iremos dar a un punto onde ambos se encontran, un pouco antes da estrada que vai da Pobra de Burón á Fonsagrada.
Alto do Acebo-Paradavella

Chegada a esta cruzámola e seguimos baixando por unha corredoira que o tempo e os carros labraron fondo polo medio dun bosque de árbores autóctonas. No seu comezo atopamos un moderno e chamativo enlousado. Case ao final desta corredoira, e antes de entrar na Pobra de Burón, pola ¡¡Praza Mao Tse-Tung!!, atoparemos un manantial de auga que baixa da carballeira.

Pobra de Burón foi capital de concello ata 1835 e garda aínda un rico patrimonio cultural: arquitectura popular, ruínas da Torre de Burón, igrexa. Saíndo desta poboación pasamos por diante da capela de San Xoán e, xa fóra do núcleo urbano e subindo, as ruínas dun antigo hospital. Desde aquí o camiño sube pola serra arriba por unha pista e pasamos por Xestoso antes de chegar a unha pequena estrada, atravesamos esta e seguimos monte arriba entre unha repoboación de piñeiros. Cruzaremos unha pista forestal que leva a unhas antenas de telefonía que están no alto do monte. Desde aquí o camiño baixa cara a Hospital de Montouto. Este último tramo de camiño é unha corredoira que pasa ao carón das ruínas do hospital, que foi fundado por Pedro I O Cruel. No prado que está detrás podemos ver os restos dun monumental dolmen.

O desvío que vai pola Fonsagrada deixanos nesta vila, é capital do concello, ten feira, un Museo Comarcal, etc. O peregrino atopará a Fonte Sagrada ao carón da igrexa e onde se di que mollaban a cabeza. Sairemos polo seu casco urbano cara a San Xoan de Padrón, con igrexa e albergue. Despois, e sempre en romance coa estrada, chegamos ata o cemiterio e pasamos por unha área recreativa entre piñeiros, camiño que segue por un quilómetro. Desde aquí e ata Vilardongo o camiño vaise alternando coa estrada. En Montouto empezamos a subir cara a Hospital a donde se chega por un camiño que se empina á dereita da estrada. En Hospital de Montouto únense os dous ramais. Desde aquí o camiño é ancho e cómodo, baixa entre piñeiros, ata que emboca nunha pista. Temos que cruzar esta e meternos, mesmo en fronte, por un estreito carreixo, aparentemente semella que non hai camiño, pero baixa entre toxos, xestas e carqueixas que nos leva mesmo a Paradavella. Nesta aldea atoparemos, ao pé da estrada, un par de bares.

Breve resumen

  • Localización: ALTO DO ACEBO-PARADAVELLA
  • 0€
  • Tipo: Etapas
  • Ruta: Camino Primitivo
  • kilómetros: 30 Km