A noveliña do andel (3er premio 2011)

Mondoñedo, España
Imprimir

Descripción

Pousei o libro enriba da mesiña que compartía co ocupante da liteira do lado e apaguei a luz que iluminara a miña lectura durante aquela última media hora da xornada. Non era habitual dispoñer de luxos como unha mesiña ou unha luz individual nos albergues á altura daquel 1993 no que o Camiño de Santiago vivía a súa renacenza, pero no de Cinsa mesmo unha inaudita colección de cadros pintados polo propio hospitaleiro decoraba as paredes outorgándolle ao peregrino unha grata sensación de fogar; así que, malia o cansazo, quixen aproveitar a ocasión de adiantar unhas páxinas na novela que escollera para me acompañar naquela aventura na que me envolvera fuxindo da desidia e a da monotonía.

.
Sabedor da importancia que tiña non cargar a mochila de obxectos prescindibles e peso ocioso, elixín unha obriña curta, de pasta branda e impresa en papel cativo, seguramente o máis lixeiro de todos os libros que tiña na casa sen ler aínda. Sorprendeume atopalo no medio dos demais, pois non lembraba a súa existencia, e aínda hoxe sigo sen saber como chegou ata min aquel relato, tan breve que non había espazo no lombo para imprimir autor ou título, o que facía que apenas sobresaíse entre dous grosos dicionarios.

Collino, por tanto, a cegas do andel, coa esperanza de que o título me espertase certa curiosidade, pois polo demais o libro cumpría á perfección cos requisitos necesarios para ser o seleccionado como parte da miña equipaxe para o Camiño. Traxedia en Nezcre. Santiago Ramos Barro. Nin o título nin o autor me dixeron nada, como tampouco o fixo o outro dato recollido na cuberta negra e vermella, unha tal editorial Saboga da que nunca oíra falar. Xa no interior, unha breve nota indicaba que o libro se imprimira no que parecía ser nun preliño familiar da lucense Mondoñedo no ano 1949.

Era o día anterior á miña saída cara ao comezo do Camiño e aínda tiña pendentes varias cuestións sen dúbida máis importantes que escoller un libro para ler nas horas mortas (como ir buscar o billete do autobús que me levaría ata o lugar de partida), así que non lle dei máis voltas e boteino dentro da mochila. Aquel Nezcre do título foi, supoño, o motivo que me levou a tomar a decisión, pois casualmente era un dos lugares polos que a miña planeada ruta transcorrería.

Ata aquela noite no albergue das liteiras, a mesiña e a luz individual, non foran moitas as ocasións que tivera para avanzar na lectura, e non creo que chegase sequera á súa metade. As visitas aos lugares nos que durmía, as conversas cos outros peregrinos ou o medo a molestar pola noite nos albergues nos que só había unha luz para toda a estancia fixeron que nas case dúas semanas que levaba de Camiño non lese máis de sesenta ou setenta, malia o interese crecente que sentía pola historia que no libriño se contaba.

Á vila de Nezcre, a finais do século xix chegaba de volta da súa aventura americana Ramiro Santos Rábago, un mozo de entre os moitos que anos antes marcharan buscando fortuna ao outro lado daquel Atlántico que alí chaman Cantábrico. Non fixo falta máis que ver a ringleira de baúis e a media ducia de serventes que o acompañaban para confirmar que as cousas lle foran mellor que ben na emigración da que agora regresaba. Hospedado na única pensión da localidade, onde reservou unha planta enteira para el e o seu servizo, agardou un ano ata que puido trasladarse á suntuosa casa que mandou construír en canto chegou de América.

A curiosidade que espertaba entre os veciños de Nezcre pola súa reservada vida e pola discreta relación que mantiña cunha das súas criadas (unha fermosa mulata que disque era princesa e coa que, disque tamén, casara antes de emprender a viaxe de volta, como parecía indicar a sortella de ouro que ambos os dous levaban), non fixo máis que aumentar cando a mansión estivo terminada: pintada de negro e vermello, cun interminable labirinto de mirtos diante da fachada, presidida por unha enorme escultura de muller que lembraba sen disimulo os trazos da beleza mestiza que axiña se converteu na señora daquela fastosa residencia, o que podería acontecer dentro das súas paredes era motivo de conversa permanente entre a veciñanza. Nunca tal cousa se vira no lugar, e o «pazo do indiano», como foi coñecida desde entón a vivenda, pasou a converterse no maior atractivo da vila para propios e alleos.

Aos dous anos de inaugurarse a residencia, unha noite o edificio apareceu envolto en chamas. Pouco puideron facer os habitantes de Nezcre para extinguir o lume naquela vivenda enorme construída case por completo en madeira. Entre os cascallos calcinados só apareceron os corpos dunha parella, ennobelados e abrazados. Do resto de habitantes da casa nunca máis se soubo, e o caso pasou á historia do lugar como o crime dos serventes que mataron o dono do pazo e a súa muller para quedar coas riquezas do indiano e logo fuxir, quen sabe se de novo para a América da que viñeran.

Neste punto do relato estaba eu cando apaguei a luz da miña liteira aquela noite. O sono non tardou en chegar, e a pesar das conversas apagadas dalgúns peregrinos e dos sonoros ronquidos dos que xa durmían, ao pouco eu tamén acabei vencido pola fatiga da xornada. Só cando os máis madrugadores comezaron a preparar a súa saída do albergue fun acordando paseniño. Non habería máis de dez persoas no refuxio naquela fría mañanciña de primeiros de marzo, o que non deixaba de ser un número considerable para aquela altura do ano e para aquela ruta, unha das menos transitadas das que conducían a Compostela.

Como case sempre, fun o último en saír, e cando estaba a piques de pechar a porta lembrei que deixara o meu libro a carón da liteira. Volvín entrar para collelo, pero enriba mesiña non había nada.

Non lle dei maior importancia ao asunto, e quixen supoñer que algún dos compañeiros de repouso o collera pensando que era seu, talvez o peregrino da liteira coa que compartía mesiña, un home xa ancián no que non reparara especialmente, e co que á mañá xa non chegara a coincidir. O único pesar que experimentei veu dado polo feito de que ía quedar sen saber como remataba aquela traxedia que daba título ao libro extraviado, aínda que o xa lido bosquexase unha trama que randeaba entre o tópico e o previsible, cando non no folletinesco.

Seguín o pausado ritmo marcado de etapas que planificara antes de saír da casa, e catro días despois unha longa senda completamente afastada de calquera núcleo habitado acabou por conducirme á Nezcre da novela. Camiñei ata o minúsculo albergue do lugar, con espazo para só oito peregrinos, e a hospitaleira recibiume cun sorriso que foi como un bálsamo para os meus pés magoados, mentres gababa a miña fortuna por ocupar a última praza que quedaba libre:

—Aquí non vai atopar moita comodidade, máis alá dunha cama e unha ducha. De feito, este edificio era o antigo cárcere, e pouco cambiou aquí dentro desde entón.

Entramos no edificio e comprobei que realmente só unha liteira estaba sen ocupar. O meu lento discorrer polo Camiño facía que a maior parte dos compañeiros de acubillo fosen diferentes cada noite, pois case todos avanzaban con maior lixeireza. Por iso me sorprendeu atopar de novo o home que durmira na liteira contigua á miña catro noites atrás, cando se producira a perda do libro. Saudeino mentres entraba, pero non atopei o modo de preguntarlle se fora el quen o collera coidando que era seu. Pousei a mochila enriba da cama e logo de asearme e quitar a roupa das camiñadas, saín a coñecer a vila.

O lugar non deixaba de ser unha aldea grande, con varias tabernas que eran tamén ultramarinos, e que a bo seguro debían a súa existencia máis ao feito de que o Camiño a Compostela pasase por alí que á facenda procedente dos escasos veciños. Aínda que o mar se encontraba apenas a un quilómetro de distancia, a aparencia e o xeito de vida de Nezcre eran tan campesiños como os das aldeas situadas terra adentro: rúas estreitas, leiriñas diminutas, cheiro a lareira, moitos vellos, algún home, ningún neno. Por suposto, en Nezcre non había casa indiana ningunha, polo menos ao estilo da descrita na novela. Así e todo, pregunteille ao dono do bar no que entrei logo de dar unha volta polo vilar:

—Houbo, si señor, unha casa grande, aló na saída cara a Gradicela. Pero disque ardeu, ou a queimaron, moito antes de eu nacer. No incendio morreu xente, se non estou confundido. E si, chamábanlle o «pazo do indiano», pero xa non queda nada del, só o eido no que se levantaba, abandonado e cuberto de silveiras.

Seguindo as indicacións do home da taberna cheguei ata un predio enorme arredor do cal aínda se podía intuír un vestixio de valado, apenas un muriño baixo de pedra carricenta, e no interior, entre as silveiras, ocasionais mirtos lembraban aquel labirinto do que se falaba na novela. Da casa, tal e como dixera o camareiro, non quedaba nin rastro, só unha elevación no terreo que parecía indicar a súa localización orixinal. Estabamos aínda no horario invernal, e a chegada da noite xa se albiscaba no horizonte sombrizo, así que dei volta pola mesma corredoira que me levara ata alí desde o centro da vila, se é que se lle podía chamar así ás dez ou doce casas amontoadas arredor da praciña na que tamén estaba situado o albergue.

Entrei de novo nos antigos calabozos e ocupei a miña liteira. Ningún dos peregrinos me resultaba coñecido, chegados ata Nezcre seguramente desde lugares máis distantes ca min, que aquel día só camiñara unha ducia escasa de quilómetros. Mentres colocaba o saco de durmir sobre o colchón, caín na conta de que as oito prazas do albergue estaban ocupadas, pero do home co que me cruzara á miña chegada non había nin rastro. Preguntei ao resto de peregrinos, pero ningún deles vira o individuo da miña descrición.

Aquela noite non conseguín durmir tan apraciblemente como nas xornadas anteriores. A etapa fora curta, o albergue non invitaba ao descanso e á miña mente volvía de cando en vez o recordo do peregrino co que xa coincidira dúas veces de maneira tan fugaz. O sono acabou vencéndome, e aínda que fun de novo o último en saír do albergue, apenas amencera cando botei a andar seguindo as escasas frechas que, lonxe aínda de terras galegas, indicaban o sentido da ruta.

Pasaron os días e esquecín o asunto do libro e do home. Só ao chegar a Mondoñedo preguntei a algún veciño polo prelo no que a novela se imprimira. Por suposto, xa había anos que pechara, logo dalgúns anos distribuíndo polas librerías da contorna pequenas tiraxes de obras de toda índole. Os descendentes dos propietarios estaban agora espallados entre Lugo, Barcelona e Buenos Aires.

Mesmo camiñando só de mañá, as xornadas esluíanse case se me decatar. O xantar serodio e a noitiña temperá reducían a tarde a unha poucas horas para o aseo e un breve percorrido polo lugar no que a etapa concluía. Non botei en falta unha lectura coa que ocupar o meu lecer, pois a lentitude da miña camiñada facía que os meus compañeiros de pernoctación fosen sempre distintos, e por tanto as caras, as historias e as conversas renovábanse a diario.

Case un mes despois de saír de Santiago cheguei de novo á miña cidade. Ser un camiñante a Compostela e ao tempo ser compostelán é unha conxuntura que torna o final da peregrinación nunha experiencia distinta á que pode sentir un forasteiro, pero non por iso menos intensa ou fascinante. Camiñar polas mesmas rúas polas que transitas a diario con ollos de persoa acabada de chegar a un lugar ignoto transforma a potencial rutina en fonte de continuo deleite. O simple feito de elevar vista da altura do chan e recrearme en tellados, chemineas, gárgolas, escudos e brasóns ata entón nunca contemplados converteron en máxica descuberta o meu pisar pola pedra aínda húmida pola rosada da noite naquela fresca mañá xa de primavera.

Fixen tempo na praza da Quintana ata a hora da misa do peregrino, e pouco antes do comezo interneime nunha catedral ateigada de fregueses, onde os camiñantes de aspecto descoidado ofrecían divertido contraste coas velliñas requintadas e os nenos vestidos de festa. Escoitei a eucaristía co conforto do silencio impregnado de incenso, e cando chegou o intre de facer voar o botafumeiro decateime, non sen certa estrañeza, de que nunca ata entón asistira a aquel espectáculo formidable, malia nacer e pasar toda a vida naquela cidade á que moitos se achegaban só por ver o colosal turíbulo.

Seguindo o seu hipnótico bambear, a miña vista cruzouse coa de alguén coñecido, que non identifiquei inmediatamente. Pensei nalgún veciño (estaba na miña cidade, á fin e ao cabo), pero ao volver a mirada atrás comprobei que o rostro recoñecido era o do home co que me cruzara dúas veces naquel Camiño que agora remataba. Mentres me sostiña a mirada o ancián agachou a cabeza, non sei se a xeito de saúdo ou como acto reflexo ante o voo do botafumeiro, que se achegaba á parte desde a que el asistía á cerimonia.

Agardei a que a misa concluíse para achegarme ás présas ata a zona na que sentara o peregrino, pero o tumulto da xente saíndo da catedral fixo que para cando cheguei aos bancos daquela parte da nave alí xa non quedase ninguén, agás unhas velliñas rezando alleas ao rebumbio que a finalización da eucaristía provocaba ao seu redor. Por terceira vez o misterioso individuo parecía esvaerse, como o fragrante fume do incensario que aínda se ventaba nas proximidades do altar.

Saín cara á praza das Praterías para recoller a Compostela que acreditase a miña peregrinación, pero a longa ringleira de aspirantes fíxome desistir; xa buscaría outra ocasión mellor para recoller o meu diploma, ese día ou calquera outro: pequenas vantaxes dos aborixes coma min. O que de verdade gorentaba entón era chegar á miña casa e gozar do reencontro coa monótona cotidianidade, o que non deixaba de ser un tanto paradoxal logo de argallar toda aquela aventura precisamente para escapar dela.

O primeiro que fixen logo de pousar a mochila foi dirixirme á miña precaria biblioteca, constituída por dous andeis situados un en fronte do outro. Dirixín a vista ao lugar en cuestión, e mentiría se dixese que me sorprendeu ver alí o libro extraviado, situado exactamente entre os mesmos dous dicionarios onde eu o collera o día antes da partida. Logo do tempo xusto para cambiar a roupa por outra á fin verdadeiramente limpa, aniñei nun sofá e dispúxenme a ler o relato a partir do punto no que quedara o día da súa desaparición.

A parte final da novela estaba narrada en primeira persoa, sorprendentemente por Ramiro Santos Rábago, o indiano que en Nezcre supoñían morto no incendio da súa residencia. Por boca del, o lector coñecía o que verdadeiramente acontecera aquela noite: Ramiro Santos, receoso da relación da súa muller cun dos serventes que os acompañaran desde América, finxira unha súbita viaxe fóra de Nezcre da que volveu ás poucas horas para sorprendelos no seu propio leito conxugal. Matou primeiro o criado, e co mesmo puñal acabou coa vida da princesa crioula, que na súa agonía se abrazou ao corpo xa exsangüe do amado.

Ramiro espertou o resto do servizo e ordenoulles que marchasen lonxe se querían salvar as súas vidas. Repartiu entre eles os cartos que había na casa, e mentres os criados fuxían nos cabalos que puxo ao seu dispor, prendeulle lume á casa polas súas catro esquinas e marchou ao galope sen rumbo. Cabalgou a noite toda, e coas primeiras luces do abrente, espantado dos seus propios actos, Ramiro decidiu deterse na súa fuxida e poñer fin á súa vida. A claridade do día desveloulle que se atopaba en Cinsa, moitas millas cara ao leste de Nezcre. Buscou alí unha árbore cunha póla que aguantase o seu peso e coas rendas da montura improvisou unha forca da que xa estaba pendurado cando dous peregrinos que pasaban polo lugar impediron a súa segura morte erguéndoo entrambos polas coxas.

Os camiñantes resultaron ser dous sacerdotes aos que Ramiro lles contou o acontecido baixo segredo de confesión. Como penitencia ao seu crime, os cregos impuxéronlle a obriga de camiñar con eles ata Compostela para gañar o perdón, aproveitando a indulxencia plenaria daquel Ano Santo de 1898, o derradeiro do século. O home aceptou a esixencia imposta, ceibou o cabalo, mudou as súas vestiduras e acompañounos no resto da ruta, na que evitaron pasar de novo por Nezcre para que ninguén o recoñecese.

Cando chegou a Santiago e recibiu o perdón xubilar, o pesar non acougou. Convencido de que axiña se descubriría que seguía vivo e afogado polos remorsos, decidiu que o Camiño sería un bo lugar para agocharse do mundo e pagar polas mortes que levaba ás costas. Percorreu durante anos a mesma senda que o levara ata Santiago a primeira vez, evitando os outros peregrinos e vivindo da caridade allea e dos pequenos traballos que de cando en vez lle ofrecían nos lugares polos que transitaba. Aquel deambular converteuse na razón da súa existencia, e axiña descubriu que, fóra do Camiño, nada había que o agardase.

Xa ancián, quixo deixar testemuño da súa historia, e nunha gavela de follas esquecidas por outro peregrino escribiu a súa Traxedia en Nezcre. No último parágrafo aseguraba que a mandaría transcribir e editar na primeira vila na que atopase unha imprenta disposta a aceptar como pagamento polo traballo a sortella de ouro que aínda conservaba logo de medio século padecendo as penurias da súa vida errante.

Descoñezo como chegou un daqueles exemplares desde o Mondoñedo de mediados do século xx ata a miña casa de Santiago, e moito menos podo imaxinar como é posible que o libro volvese ao seu lugar no meu andel logo de extravialo. Tampouco sei se aquel home co que fugazmente coincidín en varias ocasións era o peregrino do relato, e en caso de selo, que estraño sortilexio podía mantelo con vida cando xa superaba con moito o século de vida.

Durante un tempo todo aquilo ocupou o centro da miña vida, e mesmo dediquei infrutuosamente o meu tempo a pescudar sobre o asunto. Algo atopei sobre o simbolismo do vermello e mais o negro en certos ritos animistas levados a América polos escravos africanos, e sobre o emprego do extracto de saboga (nome da descoñecida editorial) nas cerimonias de vodú, pero nin sequera teño a certeza de que nada disto teña relación co caso, o que non impediu que no meu caletre fantasiase cun Ramiro Santos que na súa estadía en América entrara en contacto con estes primitivos cultos, e mesmo cativo da súa amada beleza mestiza, quen sabe se meiga ou nume dalgunha destas crenzas, de onde lle viña aquel alcume de princesa. Foi tamén así, matinando nos poucos datos que tiña, como meses despois daquilo reparei en que Ramiro Santos Rábago e Santiago Ramos Barro eran o mesmo nome cos seus caracteres transmutados, cousa que tampouco aclaraba moito do asunto, máis alá da procedencia do pseudónimo empregado.

Pouco máis puiden dilucidar daquela, e finalmente o devir da propia vida cotiá fixo que todo aquilo quedase, non esquecido, pero si mitigado e diluído. Polo que eu alcancei a saber, o acontecido tanto puido ser produto dun suceso extraordinario, da miña imaxinación (co paso do tempo mesmo cheguei a dubidar se realmente collera o libro do andel antes de marchar para o Camiño), ou mesmo dunha elaboradísima brincadeira enxeñosamente argallada da que fun vítima e cuxa autoría ninguén me chegou a confesar.

O libro segue alí, no seu andel, entre os dous dicionarios onde o atopei, mais nunca nada estraño volveu acontecer ao seu arrimo.



Localización

COMPARTIR EN LAS REDES SOCIALES