Información

A cristianización dos antigos cultos pagás de carácter astral e litolátrico, segundo parece relacionados coa fecundidade, propiciou, como en tantos lugares da costa atlántica europea, a integración dos vellos ritos por medio de lendas. Estas consistiron en asocia-los promontorios, pedras e outros lugares sacralizados, a santos chegados do mar. Xurde así o relato, probablemente elaborado no veciño mosteiro de Moraime, que sitúa a aparición milagrosa de María a Santiago, no lugar de Muxía, para confortalo cando este predicaba sen moito éxito entre os xentís. Pero a Virxe non fixo a travesía de calquera xeito, senón nunha barca de pedra da que permanecen no lugar o casco, a vela e mailo timón. Neste lugar foi levantada no medievo unha ermida, no século XVIII transformada en santuario. A Nosa Señora da Barca concorre unha nutrida romaría os primeiros días de setembro. 

En canto a Fisterra e o seu cabo, aparecen vinculados á lenda da traslación do Apóstolo Santiago por medio do episodio que despraza ós seus discípulos, despois de ter transportado o seu corpo decapitado de Palestina a Padrón, ata o confín do mundo coñecido. Tras solicita-lo permiso de enterramento ó gobernador de Dugium, cidade desaparecida que ocupou o istmo fisterrán, fuxen de volta polo mesmo camiño que os trouxera, pasando o río Támara (Tambre), en Negreira, por unha ponte que se derruba cando era alcanzada polos seus perseguidores. O relato foi integrado no célebre Códice Calixtino (s. XII).

En Fisterra é venerada a imaxe gótica do Santo Cristo, de acordo coa tradición milagrosamente chegada por mar e, dado o seu realismo e patética expresión, popularmente convertida nun ser humano de seu e ó que lle medran unllas e cabelo. A talla protagoniza a Semana Santa da vila (Festa de Interese Turístico Nacional), que contradicindo a norma está centrada non na Paixón e Morte, senón na Resurrección. Cristo é así coma o sol, que tras perderse no océano insondable da morte, resucita das tebras.

Foi así como Fisterra e Muxía ficaron para sempre unidos á lenda xacobea, e como consecuencia visitados desde os primeiros tempos da peregrinación. En Hospital de Logoso (Dumbría) xa aparece documentado un hospital a finais do século XII, e na Baixa Idade Media houbo outros en Bon Xesús, Cée, Corcubión, Fisterra e Muxía, creando unha rede asistencial de apoio ó camiñante. Desde o século XIV contamos con diarios e relatos de peregrinos, de diversas nacionalidades, nos que adoitan mesturarse a devoción e maila curiosidade por coñece-la fin da terra, o lugar onde remata a ruta coincidente coa traxectoria do astro rei e máis da Vía Láctea que guiara os peregrinos do Camiño Francés.

Hoxe, como antano, volven os peregrinos a percorrer un itinerario novamente dotado de albergues e unha completa sinalización. Na revitalización desta ruta xogaron un especial protagonismo a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e maila Asociación Supracomarcal Neria, que cada primeira semana de agosto organizan unha peregrinación colectiva desde Compostela.