Información
O achado polo bispo de Iria Flavia Teodomiro a principios do século IX dun sartego, atribuído ao apóstolo Santiago, vai permitir o comezo do fenómeno da peregrinación xacobea. Un dos primeiros en coñecer tal nova foi o rei Afonso II O Casto, e fixoo de boca do propio bispo que se desprazou ata Oviedo para comunicarlle ao rei tal achado. Posiblemente foron estes dous persoeiros os primeiros en inaugurar o que hoxe coñecemos como Camiño Primitivo: un para levar a nova ao monarca e, este, como primeiro peregrino que acude ante o sartego do Apóstolo. O rei virá desde Oviedo coa súa corte e mandará erguer un pequeno templo. E pola vinculación con este monarca tamén lle chaman a este camiño de Afonso II. O de Camiño Primitivo vén por ser o primeiro itinerario de peregrinación a Compostela.

Pronto o camiño vai recibir o apoio da monarquía porque esta decátase, moi axiña, de que este feito de índole relixiosa, como era o achado do sartego do Apóstolo, e aparentemente algo que acontece de xeito casual, podía ser utilizado para reforzar a unidade e o prestixio do reino fronte ao poder musulmán que se estendía por case que toda a península Ibérica, agás neste reino do extremo occidental e fornecido polas estribacións montañosas da cordilleira cantábrica. Así convertían este pequeno e afastado reino nun dos focos máis importantes da peregrinación cristián, xunto a Xerusalén e Roma, e nun importante centro de atracción mundial. Ao tempo que este feito podía axudar a articular o territorio e o poder en torno a dous polos: o político en Oviedo e o relixioso en Santiago.
Coa peregrinación xa funcionando moitos dos peregrinos que chegaban ata Compostela, prolongaban ou desviaban a súa peregrinaxe polo Salvador de Oviedo. E en relación a este feito de peregrinar ata o Salvador di o dito que quen vai a Santiago e non ao Salvador, serve ao criado e esquece ao señor.
Mais o camiño non medra da nada. Posiblemente esta ruta siga, en certa medida, o trazado dunha anterior vía, da rede secundaria romana, que comunicaría a principal cidade da vella Gallaecia, Lucus Augusti (a actual Lugo), con Lucus Austurum (Lugo de Llaneras ou Oviedo), situada nun centro de explotación mineira, pero as fontes arqueolóxicas non axudan moito a confirmar este dato. Este camiño foi unha alternativa máis segura para chegar a Santiago antes da definitiva consolidación do Camiño Francés, xa de cheo no século X.