Etapa 3 (opción B)

OLVEIROA-MUXÍA
Imprimir

Breve resumen

Localización:
OLVEIROA-MUXÍA
0€
Tipo:
Etapas
Ruta:
Camino de Fisterra-Muxía
kilómetros :
30 Km

Descripción

De Olveiroa será preciso seguir a Hospital e ata a rotonda citada na etapa anterior, e aquí optar pola variante de Muxía, que descende ata Dumbría (igrexa románico-barroca, bares, banco, tendas, comidas). Logo será necesario toma-la vella N.550 e cruza-la nova para continuar por un eucaliptal ata a aldea de Trasufe, que conta coa venerada capela da Virxe do Espiño (fonte santa), Nosa Señora de Aránzazu popularmente coñecida como \\\"a Santiña\\\".

A seguir cruzámo-lo río Castro por unha moderna ponte onde existe un muíño, e avanzamos por pistas de concentración par-celaria, entre campos cultivados, ata o núcleo de Senande (bar, tenda), practicamente unido ós de Agrodosío e A Grixa, onde se atopa a parroquial de San Cibrán de Vilastose.

Unha atractiva pista forestal, de novo escoltada por eucaliptos, piñeiros e valados de pedra, salva o monte Maior e descende a Quintáns, lugar indicado para repor forzas (hostal, restaurante, tenda). De Quintáns
descendemos ó val, cara Ozón, pisando un tramo da calzada real empedrada que viña de Negreira por Baíñas e Berdoias. Do antigo mosteiro bieito de San Martiño restan a igrexa, de cabeceira románica, a rectoral e máis un hórreo que se conta entre os máis longos do país.

Desde Ozón pode seguirse o camiño real por Vilar de Sobremonte, que descende rápidamente a Os Muíños entre arborado, ou guiarse polos marcos de pedra, que nos fan dar unha considerable volta de 2 qm. coa compensación de ve-la ría de Camariñas pasando por Merexo, que conserva numerosas casas de pedra e cabazos.
Olveiroa-Fisterra
Á esquerda, seguimos por estrada ata Os Muíños (hotel, bares, tendas, farmacia), topónimo que fai referencia ós moitos que movía o río Negro. Descendo cara a praia da Area Maior, axiña subimos a Moraime. Aquí debe ser visitada a notable igrexa de San Xulián, románica do séc. XII con dúas portadas historiadas, tres naves, tripla cabeceira e murais góticos. Fronte a ela aparece a rectoral, único vestixio do antigo mosteiro e priorado. No lugar existe un área de lecer con fonte.

Tras cruza-la estrada que conduce a Muxía, continuamos ata a capela de S. Roque (Chorente) para realiza-lo último descenso á praia de Espiñeirido, divisando desde o alto o conxunto urbano de Muxía, que ocupa un promontorio que remata na punta da Barca. Logo de rodea-la praia da Cruz, a través do paseo marítimo continuamos onda o porto ou pola rúa real, desde donde xa aparece sinalizado o camiño ó santuario de Nosa Señora da Barca. Desde a parroquial gótica existe un agradable camiño peonal enlousado.

O santuario, barroco do século XVIII, loce un fermoso altar do mesmo estilo e de escola compostelá (Miguel de Romay) presidido pola delicada imaxe gótica da Virxe, que foi colocada nunha barca, guiada por dous anxos, na que tamén aparece a figura de Santiago orante. Outro altar menor, dedicado a S. Miguel, atópase repleto de emblemas xacobeos. Numerosos exvotos en forma de barco ou pinturas ocupan as paredes do templo. Diante del permanecen na beiramar as pegadas da lendaria embarcación de pedra que trasladou á Virxe María: a Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís (que sana as doenzas reumáticas de pasarmos 7 veces baixo ela) e maila Pedra do Timón. Desde aquí divisamos unha abraiante anorámica
da Costa da Morte, antano célebre polos seus naufraxios: dunha banda o cabo da Buitra, e no extremo norte o rochoso cabo Vilán.

Localización

COMPARTIR EN LAS REDES SOCIALES