Etapa 3

CASTROVERDE-LUGO
Imprimir

Breve resumen

Localización:
CASTROVERDE-LUGO
0€
Tipo:
Etapas
Ruta:
Camino Primitivo
kilómetros :
20 Km

Descripción

Saímos da praza do Concello por un precioso camiño que nos leva a estrada que vén de Lugo, atravesamos esta e metémonos por unha especie de paso subterráneo que nos leva á aldea de Trasorras por unha estrada estreita. Pasando S. Miguel do Camiño atopamos unha profunda corredoira que nos leva ata unha casa solitaria cun gran portalón. Aquí o camiño vai entre prados, cerrados por paredes de pedra, e está moi encharcado. Cruzamos un regato e seguimos entre árbores frondosas ata chegar a unha capela que ten diante un campo cun cruceiro.

Xa estamos en Souto de Torres e imos a Moreira, Nadela, onde un cruceiro ao pé do camiño nos recibe no medio da aldea. Logo ven Vilar de Cas e As Cambas.

Antes de entrar nesta última poboación o camiño bordea terras de cultivo e na parede que as separa da ruta atopamos algunha cruz empotrada na mesma.
En As Cambas o camiño bifúrcase. Nós recomendamos tomar o desvío que vai á dereita e que nos vai levar a Soutomerille. O da esquerda vai directo a Gondar. Soutomerille é unha aldea abandonada en medio dunha frondosa vexetación. Aquí paga a pena deterse un momento no silencio e achegarse a súa igrexa, magnificamente en pé, cun retablo en pedra pintado, laudas sepulcrais e unha marabilla de celosía no testeiro.

Deixando Soutomerille, e a uns 500 m, o camiño vai polo medio dunha canteira ata que dá nunha pista e xúntase outra vez co que deixamos nas Cambas. Agora vai por unha estrada estreita e asfaltada que nos leva a Gondar, despois de cruzar o regato de Rade. A dous quilómetros de Gondar, e no remate dunha costa, atopamos unha canteira, pasamos por diante dela e o camiño deixa a estrada para baixar por un tramo moi pouco coidado. Cruzamos unha pequena estrada e metémonos en paralelo a un regato. Ao lonxe escoitaremos o ruído do trafego da estrada C-630, á que chegaremos despois de pasar Bascuas, camiñaremos en paralelo a ela ata chegar a un cambio de rasante, onde teremos que camiñar pola mesma ata que chegamos a un cruce, a esquerda sinala a Nadela, nós colleremos á dereita por unha estradiña e pasaremos por un campo de festa e, despois, teremos que meternos á esquerda, baixamos ata un regato, camiñamos bordeando leiras e entramos en As Casas da Viña. Viramos á dereita e saíndo desta aldea collemos á esquerda por unha pista que vai por medio das agras e, pronto, entra en montes de piñeiros. É o camiño que nos vai levar ata atravesar a autovía A6. Mais non sempre o camiño está aquí limpo de maleza e verémonos obrigados a buscar alternativas paralelas meténdonos nas fincas que o bordean.

Cando nos atopamos de fronte coa A6 teremos que virar á dereita e camiñar un anaco en paralelo á autovía e por un camiño aberto polas obras da mesma e embarrado; cruzamos a autovía por un paso elevado e metémonos nun amplo campo (antigo campo militar). Deixando este atrás xa imos sempre serpenteando por pistas asfaltadas camiño de Santiago de Castelo e do barrio de A Chanca. Cruzamos a ponte da Chanca, para subir por esta rúa, cruzar a estrada e entrar en Lugo pola porta de San Pedro. En Lugo hai agora un albergue de peregrinos dentro do casco vello da cidade.

Localización

COMPARTIR EN LAS REDES SOCIALES